Monday 13 de May de 2024

Neda acollerá en novembro unha nova edición da Andaina Solidaria “Os nosos pasos dan VIDA” a favor da investigación contra o cancro


A inscrición está aberta na iniciativa, que o pasado ano reunía a preto de 1.000 persoas no municipio

Os fondos recadados a través das inscricións e merchandising irán destinados á Asociación Española contra o Cancro

O Concello de Neda acollerá unha nova edición da Andaina Solidaria “Os nosos pasos dan VIDA”. A beneficio da Asociación Española contra o Cancro, celebrarase o vindeiro domingo 5 de novembro co reto de igualar e incluso superar as preto de 1.000 persoas que se sumaron o pasado ano, cando se recuperaba a iniciativa tralo parón imposto pola covid-19. Este ano partirá ás 11:00 horas dos Subarreiros, e como novidade convidarase a todas as persoas asistentes a formar un gran lazo solidario humano co que dar visibilidade ao seu apoio á loita contra o cancro.

A inscrición para participar está aberta en tres puntos: a casa consistorial de Neda (de luns a venres de 9:00 a 14:30 horas), os despachos de Santa Rita no municipio e en Ferrol (de luns a domingo de 9:00 a 14:00 horas) e en Zashin Sport (luns e mércores de 17:30 a 19:30 horas e martes e xoves de 19:00 a 21:00 horas). A cuota é de 10 euros, e de 5 para os menores de entre 6 e 16 anos, e habilitarase un dorsal solidario tamén de 5 euros para aqueles que desexen colaborar a pesares de que non poidan asistir. Ademais, o mesmo día da xornada porase á venda merchandising solidario para sumar fondos.
A recadación irá integramente destinada á investigación contra o cancro infantil e adulto a través da AECC. En 2022, eses pasos solidarios traducíronse en 4.720 euros dirixidos a este fin.
GRUPO + NUMEROSO

Para animar á participación, proponse un percorrido de dificultade baixa, e como en edicións anteriores, a organización tamén premiará a aquela pandilla, asociación ou club que participe cun maior número de integrantes. Unha mención que no 2022 recaía en Luchadoras de la Vida, con 59 persoas.